Martín Vázquez Fernández
As principais enquisas demolingüísticas realizadas nas últimas décadas reflicten que o número de falantes de galego é cada vez menor. A substitución lingüística do galego polo castelán debe entenderse como un proceso complexo, no sentido de poliédrico e historicamente condicionado, onde diferentes dimensións se entrelazan de forma dinámica. Unha das dimensións que cómpre atender ten que ver coa reconfiguración demográfica e socioeconómica en Galicia que afectou a distribución das linguas no territorio. Estas transformacións están ligadas ao avellentamento da poboación, á urbanización (e consecuente desruralización) e á terciarización da economía. Á altura de 2025, determinados indicadores sociais, demográficos e sociolingüísticos comprometen xa a continuidade xeracional da lingua galega. Neste contexto, o sistema educativo convértese nun espazo clave para observar as dinámicas de desprazamento ou mantemento lingüístico, xa que nel conflúen procesos de socialización, políticas públicas e prácticas familiares. O caso de Santiago de Compostela, capital administrativa e cidade universitaria do país, ofrece un escenario especialmente relevante para a análise sociolingüística, tanto pola diversidade da súa rede escolar (público, concertado e privado) coma pola súa estrutura urbana e a mobilidade residencial que caracteriza a cidade. Este traballo presenta unha achega de resultados do Mapa sociolingüístico escolar de Santiago de Compostela, unha investigación que combina datos sociolingüísticos e sociodemográficos recollidos entre o profesorado, o alumnado e as familias da educación primaria, secundaria e postobrigatoria da cidade. Inspirado en estudos previos como o Mapa sociolingüístico escolar de Ames, o proxecto busca identificar os factores que estruturan a distribución da poboación no ámbito escolar compostelán segundo a súa relación coas dúas linguas oficiais. A análise aquí exposta céntrase, especialmente, nas relacións entre lingua, mobilidade e territorio. O obxectivo final é integrar estes saberes sobre as dinámicas sociolingüísticas do concello desde unha lectura crítica e situada a fin de repensar as políticas lingüísticas educativas, regradas e non regradas.