Á parte de seren caracterizados como herdeiros da tradición popular e como unha ponte entre esta e a tradición literaria culta, os poemas en galego de Rosalía de Castro que empregan versos anisosilábicos teñen recibido bastante pouca atención do punto de vista formal. A súa natureza non é ben comprendida nin ben descrita. Tentaremos esclarecela neste artigo, estabelecendo relacións con outras tradicións versais. Para iso, recorreremos a unha serie de avances teóricos e metodolóxicos introducidos pola versoloxía internacional ao longo do último século. Nomeadamente, proporemos unha abordaxe que asenta na fonoloxía da lingua e que emprega as nocións de modelo métrico e de regras de realización. Concluiremos ofrecendo algunhas propostas para o estudo rigoroso e exhaustivo da versificación ―tanto a métrica como a libre― en galego.