Na non moi abundante bibliografía centrada no estudo de verbos soporte dentro da aprendizaxe de español como lingua estranxeira téndese a asumir que as construcións con verbo soporte son un recurso que os aprendices desta lingua empregan menos que os nativos. O obxectivo do presente traballo é comprobar se esta idea se verifica nas producións dos aprendices. Con este obxectivo, realízase un estudo sobre un corpus de textos de aprendices de español (CEDEL2), comparándoo cun corpus formado por textos de nativos. Compararanse dous parámetros: (i) a frecuencia de construcións con verbos soporte nos textos e (ii) a variedade léxica deste tipo de expresión, é dicir, o número rexistrado de construcións con verbos soporte distintas. Comprobarase que a frecuencia deste tipo de construción é algo maior nos aprendices, se ben a variedade do conxunto de construcións con verbos soporte nos nativos é maior que no caso dos aprendices. Só atendendo ao segundo parámetro se pode afirmar que os aprendices empregan menos este recurso que os nativos.