Neste traballo revísase, en primeiro lugar, o concepto de fixación sintáctica e as implicacións que supón establecer os patróns sintácticos das locucións por seren unidades fixas das linguas. En segundo lugar, proponse diferenciar, xunto á fixación formal e a idiomática, unha fixación estrutural, entendida como a característica ou o trazo das locucións polo que non se establecen entre os seus constituíntes as relacións sintácticas que se dan entre os elementos que forman grupos sintácticos libres. O trazo, pola súa natureza gradual, non impide desautomatizar unha locución mediante fenómenos sintácticos como a tematización, a pronominalización, a pasivización, a complementación ou a elisión. Dende esta perspectiva, e partindo da concepción de desautomatización sustentada polos formalistas rusos; por unha parte, distínguense tres tipos de desautomatización das locucións: desautomatización do significante, do significado e do significante e o significado á vez e; por outra, analízase un conxunto de textos nos que aparecen locucións desautomatizadas. O artigo remata coas conclusións teóricas e aplicadas que se desprenden da concepción presentada sobre a fixación estrutural e a desautomatización das locucións.