Belén Senín
No panorama actual da música a nivel global, os xéneros urbanos como o trap ou o hip-hop atópanse en auxe, especialmente entre a mocidade. O caso galego non é unha excepción. Se ben o hip-hop gozaba xa de certa traxectoria, a entrada en escena do trap é, aínda que recente, innegablemente triunfal. Porén, constituiría unha grave ausencia de análise reducir a popularidade destes xéneros a meras tendencias. A música, como produto cultural fillo do contexto no que nace, serve de ferramenta para a creación ou reforzo da identidade, e como tal non está exenta de ideoloxía. Así, a través da análise dos devanditos xéneros baixo o prisma da análise crítica do discurso, amosaremos como estes encerran dúas posturas opostas no que á identidade e a ideoloxía transmitida se refire, dúas reaccións diferentes ao mundo da modernidade líquida.