Este artigo examina o concepto de motivación lingüística e propón un sistema de clasificación fundamentado nas relacións entre os compoñentes do signo lingüístico. A través dunha revisión da evolución histórica do concepto nos autores máis relevantes, establécense as bases para comprender como os signos lingüísticos se relacionan coas súas formas, significados e coa realidade extralingüística que representan. A partir desta análise, proponse un sistema de clasificación que distingue entre tipos de motivacións intralingüísticas, orixinadas no seo do sistema lingüístico, e de motivacións extralingüísticas, xurdidas no proceso de creación e modificación dos signos. Esta clasificación ilústrase con exemplos de fenómenos como a polisemia e a onomatopea, que revelan a complexidade das relacións semióticas. O obxectivo desta proposta é establecer un marco teórico sólido para futuras investigacións sobre a motivación lingüística, así como asentar as bases para a súa aplicación na cartografía motivacional.